Local Social Aturuxo

Barbança, Galiza
A asociación Aturuxo está composta por veciñas e veciños de Boiro e da comarca que tras moito traballo conseguimos abrir un Local Social no noso concello para dinamizar o tecido asociativo e cultural. É un proxecto cuxos obxectivos son a dignificación e o espallamento da lingua e cultura galegas, a libre expresión e a dinamización social ante a desgaleguización que sofre o país en xeral e zona na que vivimos en concreto, loitar contra das inxustizas sociais... e ofrecer tamén unha alternativa lúdica á que nos ten acostumad@s esta sociedade de consumo.

Quen somos?


Somos Aturuxo, un grupo de persoas, mozos e mozas principalmente, que vendo outros referentes que se están a dar no noso país e no estranxeiro, coidamos necesaria a creación do que se chaman “centros sociais”, o que serían grupos de lecer alternativos, ferramentas de construción nacional e política. Queremos aproveitar todo o potencial xuvenil da comarca e darlle un punto de encontro, un motivo para apagar o televisor e poder achegarse, xuntarse, organizarse, falar, debater… Queremos fomentar unha mocidade e unha sociedade crítica, que saiba do mundo e do país, que comparta e que se sinta integrada. O logro do capitalismo é deixarnos solas entre a masa de xente. Por tanto tentamos ser unha alternativa, opoñéndonos ao consumismo como pseudofelicidade e buscar formarnos en valores de esquerda, de feminismo, de ecoloxismo, dende unha perspectiva nacional, en defensa da cultura galega e do pobo traballador galego.

Queremos contribuír á difusión de alternativas de lecer, queremos organizármonos e defender, denunciar, traballar polo que nós cremos xusto. O certo é que foron outras as que comezaron, nós continuamos, seguimos, xa que consideramos importante descentralizar as actividades e actos que se fan habitualmente nas cidades e vilas máis grandes, queremos que se difunda por todo o país outra forma de facer cousas, ofrecer un espazo para a expresión das silenciadas e silenciados e para a acción directa da mocidade. Queremos ter un local dende onde berrar para espertar à comarca, ser un proxecto que medre, que non se feche entre catro paredes, senón que recorra o monte, protexéndoo dos lumes especuladores, que atravese a ría defendéndoa de criminais, que se meta nas casas chamando á veciñanza toda á resistencia, a erguerse contra a perda da nosa identidade e a destrución da nosa terra. Que berren as mulleres contra o patriarcado asasino, que loiten as mozas/os cara a cara coa precariedade, e que non teña que marchar máis ninguén, non queremos máis diáspora. E que se escoite por todo o país o Aturuxo do Barbanza

Con todo, o obxectivo principal é a dignificación e o espallamento da lingua e cultura galegas ante a desgaleguización que sofre o país en xeral e zona na que vivimos en concreto.

Reivindicamos os dereitos do galego. Da lingua propia do país. De facto sabemos que se está a perder a unha velocidade preocupante, que as novas xeracións son educadas no castelán, unha lingua que vindo de fóra esta acabando coa nosa. A diglosia persiste. As nais fálanlle as fillas en castelán, isto só se explica por un complexo que o estado español se encargou de arraigar na nosa terra coa fin de asimilarnos con eles. Continúa vixente a falacia da importancia dun idioma por riba do outro, falsas teorías de utilidade, de necesidade. Aprender idiomas é unha riqueza, mas xa teremos oportunidade de aprender chinés, catalán, italiano ou español, non debemos substituír a lingua propia, non debemos perder as raíces, nin infundir a frustración e o complexo que provoca ver que están a pretender que sexas outra, estranxeira. Pérdese o lazo mais próximo, de utilizar as verbas que saen de dentro, a lingua nai para que as mamen as fillas. Non vaiamos ao alleo, non perdamos o vínculo. Outro problema da lingua está nas institucións, todas dependentes do estado español, o cal se transcribe nunha normalización que non funciona. Entran máis rapazas falando galego na ESO das que saen. É a educación, o ensino, o grande españolizador. As medidas tomadas son, por tanto, escasas, insuficientes. Da sensación de que si, que agora hai materias impartidas en galego, que hai papeis do concello, anuncios da Xunta en galego, mais a realidade é diferente, primeiro polo alto número de incumprimento, e a impunidade coa que se atopa todo o persoal administrativo e o profesorado cando non respecta a lei. E segundo porque para normalizar o idioma hai que poder vivir en galego, o cal a día de hoxe é imposíbel; almorzamos Leche Río, lemos o xornal La voz, saímos á rúa e vemos tendas en Rebajas, imos mercar e dannos Gracias por su visita, prendemos a radio e escoitamos Los 40 principales, vemos na tele, Lo que se avecina, imos ao médico e pregúntanos, Qué le duele?, imos ao banco e dinnos, Está usted en números rojos, imos á facultade e dannos libros sobre Derecho romano, Biologia animal ou Periodismo radiofónico en la primera mitad del siglo XX. En definitiva estamos a falar dun problema grave, mais dende Aturuxo estamos dispostas a loitar, a non deixar morrer a nosa lingua, a utilizala sempre e a esixir que se respecte en todas as situacións. E todos os días do ano.