Local Social Aturuxo

Barbança, Galiza
A asociación Aturuxo está composta por veciñas e veciños de Boiro e da comarca que tras moito traballo conseguimos abrir un Local Social no noso concello para dinamizar o tecido asociativo e cultural. É un proxecto cuxos obxectivos son a dignificación e o espallamento da lingua e cultura galegas, a libre expresión e a dinamización social ante a desgaleguización que sofre o país en xeral e zona na que vivimos en concreto, loitar contra das inxustizas sociais... e ofrecer tamén unha alternativa lúdica á que nos ten acostumad@s esta sociedade de consumo.

segunda-feira, 16 de julho de 2012

Día da Patria Galega no Aturuxo


Este ano o L.S Aturuxo celebra o  Día da Patria o venres 20 a partir das 20:30 da noite, cunha pequena charla sobre as orixes e a historia do Día da Patria e unha pequena cea, na que vos podedes anotar no correo do L.S Aturuxo (localsocialbarbanza@gmail.com). Sortearemos tamén varios facsimiles de publicacións históricas do nacionalismo galego como a Nosa Terra, A Fouce...



"Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra, saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteita. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xerms incorruptibeis, da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.

Velahí o que eu quería dicir n-este Día de Galiza, en loubor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria, a todo-los galegos que residen n-esta terra que para nós é a segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares."


(CASTELAO, discurso "Alba de Groria" -  Bos Aires,  25 de xullo de 1948).

Un pouco de história
O 25 de xullo, celebrámo-lo día do noso país, en palabras de Castelao: "a festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos".

As orixes desta celebración remóntanse ó 1920, ano no que as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.

Dende esta primeira convocatoria, as manifestacións organizadas para conmemora-lo Día de Galiza estiveron sempre condicionadas pola situación política de cada momento, aínda que sempre tiveron como eixo central a reivindicación dos nosos símbolos e a nosa identidade coma país.

Durante a longa noite de pedra, as sociedades galegas na emigración manteñen acesa esta convocatoria e, en Galicia, o galeguismo se concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía na igrexa de Santo Domingo de Bonaval.

A finais da década dos 60, as organizacións nacionalistas comezan a convocar concentracións en Compostela o 25 de xullo. En 1968
volveuse celebrar de novo, cunha manifestación na Alameda de Compostela. Serán o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG) os que se manifesten de forma clandestina para conmemorar o Día Nacional de Galiza que remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e fin do franquismo seguíronse a prohibir as manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e BN-PG
É no 1973 cando se empeza a utiliza-lo termo "Día da Patria Galega", denominación que pouco a pouco se vai consolidando e que se mantén na actualidade, aínda que tamén se segue utilizando a de Día de Galiza.
Até mediados dos anos oitenta non foi permitida a manifestación do Día da Patria con certa ‘‘normalidade’’. A día de hoxe seguen sendo habituais os enfrontamentos coa policia española que ano após ano intimida e agrede a ducias de galegas e galegos que  acuden a Compostela a reivindicar e festexar o Día da Patria Galega. Compostela séguese a convertir nunha cidade ocupada dende varios dias antes ao 25 de xullo, deixando en evidencia o caracter antidemocrático do estado español.
Noutro novo 25 de xullo , nós queremos -parafraseando ás Irmandades da Fala-  "estreitar os lazos entre os galegos da metrópoli e os que teñan residenza nas nosas numerosas colonias sen bandeira" e ser unha vía para amosarmos a nosa pertenza a un pobo con identidade de seu.
Alborada
A "NOSA TERRA", cumprindo un acordo da II Asamblea Nazonalista de Compostela, i-obedecendo ordes do Direitorio, do que é orgao oficial, oxe festexa chea de ledicia reloucadora, o "DIA DE GALICIA". Esta data do 25 de Santiago, en todol-os logares do mundo onde latexa un peito galego, é data de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira do home.
Arela a "IRMANDADE", espallada por todol-os pobos da nazón de Breogán, facer canto seia abranguibre para que dentro de poucos anos, o 25 de Xullo, non haxa fogar galego, aldean ou vilego, que deixe d'esteriorizar o seu patriotismo no "DIA DE GALICIA".
A Cruña, a capital da Nosa Terra, escomenza a dal-o exempro. No ano veñideiro, imitaránn-a todal-as cidades galegas.
Cómprenos, porén, na data xurdia d'oxe, saudare con moito amore, con fraterno agarimo, a todol os queridos irmáns na Grande Obra, qu'eisí chamáballe Antolín Faraldo á da redenzón da Terra asoballada... Cómprenos tamén ofrendarlles unha lembranza cordial ás nazonalidades irmás da Iberia, Portugal libre e Cataluña i-Euskadi arelosas de se ceibaren pra conseguir o rèxime de seu que pra nós tamén nosco cubizamos...
Mas a lembranza máis do íntimo, a lembranza que deita de xeito maormente cristaiño do fondo da nosa i-alma è a que, fixada con sangue do curazón, temos pra Irlande, irmá nosa e nosa mestra anaco latexante i heróico do tronco celta, oxe callado de mestos loureiros tinguidos de roxo, que han cinguir a raza común i-aldraxada de cote co'a coroa trunfal que so merecen os xurdios «epos» alumeadores da Hestoria...
Irmáns, amigos i-enimigos: faigamos votos no "DIA DE GALICIA", porque a nosa terra chegue a conquerir o imperio espritoal na futura e groriosa civilización atlántica que xa escomenza a xurdire enchendo da diviña saudade, "do que foi e do que agardamos", o curazón dos bós e xenerosos.
¡E o momento hestórico "de ser ou non ser" prá terra na que fumos nados nos e nosos pais i-abós
Publicado en a Nosa Terra o 25 de xullo de 1920
O Día da Galiza


Tense celebrado xá o "Día de Galicia". Ainda non fai mais que dous anos que acordamos na Asambreia de Santiago, que se celebrara o 25 de Xullo e xa vense conmeorando en toda Galiza e América. O ano pasado, primeiro que se celebrou, foi conmemorado somentes n'algúns pobos. Este ano xa foi con mais solemnidade e en cuase todol-os pobos da Patria. Todal-as "Irmandás" teñen celebrado este ano o "Día de Galiza".

A de Ourense puxo por primeira vez a bandeira galega no seu local, celebrou unha festa íntima â que asistiron algúns elementos do coro "De Ruada" e n'algunhas sociedades foi posta a bandeira galega a petición da "Mocedade" d'aquel pobo. Ademais a banda municipal tocou no paseio un programa galego.

Na Cruña conqueríuse que por primeira vez fora posta a nosa bandeira a carón da hespañola no Concello municipal. Espallóuse pol-as ruas unha folla en galego cun saudo as nazonalidades da Iberia que como nós loitan pol-o mesmo ideal e â nosa irmá de raza Irlanda. A banda de Isabel la Católica executou un programa de música galega e na "Irmandade" celebrouse unha velada na que se léu a Saga de Cabanillas, "O Cabaleiro do Sant Grial" que pubricamos aparte, e rendimos un homenaxe a Rosalía Castro. Varios irmáns pronunciaron discursos facendo votos pol-o trunfo da Nosa Causa.

Entre as "Irmandades" e grupos nazonalistas da Patria e de fora d'ela foron cruzados moitos telegramas e tarxetas de saudo no patriótico día que se celebraba. Egualmente se fixo entre outros irmáns.

Este foi "O Día de Galiza" no que ano que estamos. Agora cumpre traballar pra que, en anos sucesivos e canto antes millor, sexa celebrado coa solemnidade que debe celebrarse un día tan galego e tan patriótico como a data do 25 de Xulio.
¡Saude e Terra! 
Publicado en a Nosa Terra, 25 de xullo de 1921
Proclama publicada por A Nosa Terra en 1935
Hoxe, Día da Patria, os galeguistas afirmamos a nosa vontade rexa e firme de percorrer sin repouso o vieiro da reconstrución integral da Patria galega.

Si para nós todol-os días do ano son días consagrados a Galicia, o de hoxe que avencella a todol-os galegos en igual pensamento e devoción, siñifica para nós un día de festa. Festa patriótica que Galicia ten como todol-os pobos do mundo que viven a súa propia vida.

O noso ideal é Galicia. Por ser así, o día de hoxe non representa máis que un compendio do noso pensamento, do noso esprito volcado de cheo nas esencias inmorredoiras da Nai Terra.
Acouguen hoxe as armas. Repousen hoxe en armisticio patriótico de homenaxe a TERRA as cotidiáns loitas políticas en defensa dos ideaes particulares.

Que Galicia olle aos seus fillos, anque sexa hoxe nada máis, identificados en igual pensamento de consagrarlle o seu amor, a súa devota ademiración e vontade de traballar por éla.

Todos cabemos na Grande Obra. Todos, como galegos temos a obriga de cumprir co deber que o ser galegos nos impón.

O Partido Galeguista por intermedio de A NOSA TERRA saúda con agarimo fondo aos irmáns. Aos amigos e aos nemigos.

E renova a súa promesa, o seu xuramento, de seguir na laboura que abranga para TERRA o arelado e grande DIA DE GALICIA que será aquel no que Galicia teña conquerido a súa redención, a súa recreación total. 
Publicado en a Nosa Terra o 25 de xullo de 1935

Nenhum comentário:

Postar um comentário