O mércores día 4 de xaneiro o L.S organiza o Roteiro Arqueolóxico pola Serra do Barbanza, a saída terá lugar dende o local ás 9:30 da mañán, cunha duración aproximada de 5 horas e de dificultade moderada.
Lugares de interese:
Petroglifo da Miserela
Localízase a 60 metros ao sur da ponte que dá acceso ao eremitorio de San Xoán da Miserela. Está esculpido nunha pedra granítica de pequenas dimensións situada no bordo do camiño empedrado polo que se accede ao mosteiro. Os motivos representados son dúas cruces latinas de base triangular e unha terceira con base circular. Debemos apuntar a existencia dun segundo afloramento, localizado 60 cm ao sur do anterior onde se aprecian surcos gravados de difícil interpretación.
Eremitorio de San Xoán de Lesón (A Miserela)
Restos dun convento franciscano fundado preto de 1392 por Frei Gonzalo Mariño nas estribacións meridionais da Serra da Barbanza, situado no interfluvio entre os ríos Pedras e Barbanza. Actualmente consérvanse unha serie de plataformas nas que se poden apreciar os cimentos de diversas estruturas edificatorias. O conxunto compleméntase cun sistema de canalizacións que conducen a auga desde a beira do río, unha calzada empedrada e unha ponte de factura medieval.
Mámoa do Alto dás Brañas
Localízase no centro dunha plataforma orientada ao NE situada nas estribacións nororientales do Alta dás Brañas. O xacemento é un enterramento tumular de época neolítica que presenta unhas dimensións relativamente reducidas (6x5 metros de diámetro por 0.5 metros de altura máxima). En superficie pódense apreciar dous ortostatos graníticos (restos dunha cámara funeraria) desprazados da súa posición orixinal.
Restos arquitectónicos dun posible eremitorio medieval localizados sobre un espolón que domina un meandro do curso alto do río Barbanza. Actualmente os vestixios áchanse recubertos da vexetación autóctona da zona e son difíciles de apreciar na súa totalidade pero a beleza da contorna e as súas marabillosas vistas sobres o curso do río fannos recomendar esta visita.
Mámoa do Campo da Estivada
Enterramento tumular de época neolítica localizado ao bordo dun antigo camiño tradicional que comunicaba as terras da parroquia de Posmarcos cos altos da Serra de Barbanza e a beira meridional da ría de Noia. O xacemento alcanza unhas dimensións duns 17 metros de diámetro por unha altura máxima de 0.75 metros . En superficie pódese apreciar a presenza dunha serie de pequenas pedras sobre o túmulo, formando un tipo de estrutura arquitectónica que recibe o nome de ''coraza de recubrimiento''.
Xa de regreso, na cabeceira do val de Posmarcos poderemos visitar o xacemento altomedieval de O Pomar. Atopámonos neste caso ante a presenza de dous sepulcros antropomorfos escavados na roca natural da ladeira do monte, moi próximos á aldea de Vilas.
Consellos e recomendacións:
A roupa
As características básicas desexáveis do material de montaña son a lixeireza, o abrigo e que sequen moi rápido. Neste tipo de materiais incluimos: O forro polar, a licra ou a roupa sintética. Porén, recoméndase excluir do material de montaña, por exemplo, as pezas de algodón, os sueters de là, e as calzas de pana.A primeira capa de roupa, a que toca a pel há de ser sintética (recoméndase non utilizar pezas de algodón porque conservan a humidade e tardan moito en secar); esta primeira capa ten como obxectivo evacuar a transpiración. A segunda capa recoméndase que sexa de forro polar, xoga o rol de isolante térmico. A terceira capa, ten de ser protectora, lixeira e resistente; protexe do ralente, da neve e da chuvia. Esta última capa pode ser un anorak ou calquer tipo de, sobretodo, impermeável. Sempre con caperuza.
O calzado
As botas terán que ser todoterreo, semiríxidas e antideslizantes. Que cubran ata o nocello para evitar escordaduras. Impermeáveis e transpirantes. Lixeiras ao mesmo que resistentes ao desgaste.
A mochila
As boas mochilas de montaña sempre teñen feche acolchado para o peito e para a cintura. Un adulto non deberá portear máis do 20% ou do 30% do seu peso corporal. De 35 a 55 litros para as saídas de dous días e de mais de 55 litros para as rutas de mais de tres.
A comida
Para a comida, vai ao sinxelo e á sabedoria popular: non caias en consumismos absurdos de comida de montaña preelavorada. Refuga todos os 'novos inventos' que che ofrecen, e procura consumir produtos cercanos ao teu lugar de residencia, dos que saibas a orixen (mellor ainda se coñeces o produtor). Unha mínima cultura alimentar tamén fará mais levadeiras as túas marchas mais duras.Os principios básicos son a variedade e a regulariedade: os cereais (son ricos en hidratos de carbono e deben incluirse en todas as comidas, estes teñen que ser cando menos o 50% da tua dieta.); deben de consumirse tamén a diário froitas, legumes, verduras e hortalizas. Lembra que o consumo de líquidos nos roteiros é superior ao habitual (3 litros diários) debido ao exercício físico.
fonte: http://www.apobra.com/rutas, http://aguaslimpas.blogspot.com
Aproveitado o viaxe, podedes levar uns sachos e derrubar a mámoa do Alto das Brañas para borrala do mapa.
ResponderExcluirEsta é unha referencia que algún chistoso, aproveitando a construción dos muíños eólicos, doulle por facer esta “mámoa chiste”.
Como Atila, no anonimato rebentando canto vestixio encontraban o seu paso para chegar o asentamento idóneo onde colocar os muíños; tiveron a luminosa idea de mofarse do primeiro incauto botando unha palada de terra e cravándolle unha laxe no medio.
Att.: Domingo Regueira . Bo viaxe