Local Social Aturuxo

Barbança, Galiza
A asociación Aturuxo está composta por veciñas e veciños de Boiro e da comarca que tras moito traballo conseguimos abrir un Local Social no noso concello para dinamizar o tecido asociativo e cultural. É un proxecto cuxos obxectivos son a dignificación e o espallamento da lingua e cultura galegas, a libre expresión e a dinamización social ante a desgaleguización que sofre o país en xeral e zona na que vivimos en concreto, loitar contra das inxustizas sociais... e ofrecer tamén unha alternativa lúdica á que nos ten acostumad@s esta sociedade de consumo.

sábado, 5 de novembro de 2011

O GOBERNO DO PP BOIRENSE IMPIDE MAGOSTO POPULAR.


      O goberno do PP vén de esixir a Asociación Cultural Aturuxo o pago de 300 euros “de fianza” pola realización do Magosto Popular, que a asociación leva celebrando 4 anos consecutivos na praciña anexa ao centro social de Boiro. Despois de solicitar formalmente o uso da praza no rexistro municipal, sen ter comunicación oficial, e por vías informais comunícasenos que é preciso facer o ingreso do importe citado, caso contrario, non se nos permitira o uso de dito espazo. Ao ser solicitadas explicacións pola nosa parte, desde o concello comunican que será a partir de agora a política municipal ao respecto do uso de bens comúns, pedindo unha fianza diante de calquer actividade na rúa, o cal é unha privatización de feito do espazo público. 

Entendendo que unha festa popular tan arraigada dende fai séculos no noso pobo debería de contar, canto menos, coa concordancia do concello, sorpréndenos a actitude do PP de Boiro esixindo o pago ''dunha fianza'' de 300 euros, conculcando direitos tan básicos como o direito de reunión. Marca tamén as pautas do que vai a ser a dinámica do PP en relación ás asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro, esixindo cantidades económicas abusivas e inaceptables para facer uso de bens comúns (rúas, prazas, etc) 
Hoxe o goberno do PP dificulta e impide non só a celebración do Magosto senón tamén o desenrolo das actividades da nosa asociación. Entendemos pois, que o PP de Boiro, capitaneado polo señor Dieste, non quere o asociativismo boirense na rúa,   demostrando que entenden a xestión dos bens públicos dun xeito prohibitivo, privatizando pola vÍa dos feitos as prazas e rúas da nosa vila. 
Queremos afirmar que non van conseguir frear o traballo do asociativismo boirense mediante censuras e impedimentos. Nós seguiremos traballando arreo pola promoción e dignificación da nosa cultura e lingua, das nosas festas e das nosas costumes.
A rúa é de todas e todos. 

Asamblea Xeral do Local Social Aturuxo

Um comentário:

  1. O mellor disto é que non hai documentación á que se lle puidese botar unha ollada... a ver o que din, se a partir de agora se lles vai cobrar 300 euros a todo o mundo, pois que ben...

    ResponderExcluir